Thursday 25 de April de 2024

Miño, un ano máis, en negro contra as violencias


Este ano ‘En Negro Contra as Violencias’ fundamenta a súa campaña no activismo virtual.

O Concello de Miño sumarase, por segundo ano consecutivo, á campaña ‘En Negro Contra as Violencias’,
que tinguirá de negro os espazos públicos e privados do municipio. Ante a crise sanitaria actual e as
restricións de mobilidade e distanciamento social, a acción envorcarase, sobre todo, nas redes sociais.
Neste ano, no que a emerxencia sanitaria pola pandemia obrigou ao confinamento domiciliar, lonxe de
mellorar a vida de moitas mulleres fíxose, se cabe, máis difícil. Así o denunciou a Organización Mundial da Saúde (OMS), instando ós gobernos a tomar medidas urxentes de prevención para facilitar, deste xeito, a asistencia ás mulleres que se puideran atopar en situación de vulnerabilidade ou perigo.
Este ano, preténdese do mesmo xeito unir forzas e tinguir de negro, non só os establecementos, senón
tamén as casas, as rúas e as redes sociais. Conscientes das dificultades actuais para organizar accións
presenciais, este ano centraranse os esforzos en actividades virtuais. A primeira tivo lugar o pasado 4 de
novembro, a través dunha reunión virtual con preto de noventa participantes co obxectivo de poñer en
rede as diferentes actividades que se están a programar.
No quinto ano de percorrido da campaña, esta conta coa participación de 2 deputacións, 140 concellos, 210 empresas, 155 colectivos e 72 centros de ensino. En total, preto de 500 entes que se organizan mediante unha plataforma para loitar contra as violencias machistas. Ademais, miles de establecementos apoiaron durante estes anos a acción cubrindo de negro os seus escaparates e lugares de traballo.
Algunhas das propostas globais que xa están en marcha, en diferentes lugares, son: distribución de
máscaras, pezas audiovisuais, accións con tecedoras, así como a creación de ferramentas colaborativas
para recoller as voces das mulleres, como será o lenzo a modo de pancarta virtual que colgaremos da nosa web, un proxecto procesual –ideado polo colectivo de Gráficas en Negro– que aposta pola aprendizaxe colectiva. Estas ferramentas axudan tamén a crear pontes, así este ano contamos coa participación dun colectivo de México, Global Shapers, dende o que están a traballar para tinguir de negro o centro de Morelia.